Inicio |Novas | Documentos | Organización | Opinión | As. Mulleres | Comarcas | Contacto | Ligazóns | Baixadas | Imaxes| Administración | Tenda
 


 
   
 
O máis novo da tenda
[Sudadeiras] 100
30,00€
   
   
 

 

  Galiza Nova (Algunhas razóns do SLG polo NON)
Algunhas razóns do SLG polo NON
Publicado o 15/02/2005 ás 15:08:00
O sindicato Labrego Galego (SLG), dende 1986 vén traballando, xunto con organizacións labregas de diferentes países de Europa, ao redor da Política Agraria Común. Levamos dedicado moito á análise e reflexión sobre as consecuencias que esta política está tendo para os labregos e as labregas, para o medio ambiente, para alimentación e para mundo rural. Nese tempo, fomos construíndo alternativas sólidas para a consecución dunha política agraria sostíbel, con labregos e labregas producindo alimentos sans, seguros e nutritivos para alimentar á súa poboación, xestionando o territorio e conservando o medio.

O texto constitucional que se nos presenta para a súa ratificación propón consolidar todo o contrario. O obxectivo que se marca é o incremento da produtividade agrícola. Sabemos que, en economía, un aumento da produtividade significa aumentar os rendementos por man de obra. Isto, que vén guiando a actual Política Agraria, ten provocado o peche de miles de explotacións (na Galiza máis de tres mil cada ano, e na Unión Europea dos 25 desaparece unha cada minuto). Ademais disto, o actual modelo propicia explotacións de dimensión totalmente inhumana, que se sosteñen coa intensificación da produción, con fortes investimentos en capital, e co empeoramento da nosa calidade de vida (máis traballo para menos ingresos).

Seguir marcando a produtividade como obxectivo, é proxectar un futuro con máis destrución de emprego agrario, con maior dependencia dos labregos e labregas respecto das transnacionais agro-químico-farmacéuticas, cunha alimentación cada vez menos saudábel, e cunha forte contaminación dos solos, das augas e do ar.
Consolidar na Constitución Europea un modelo deste tipo é atentar contra a propia vida e contra as futuras xeracións, pois a estas alturas xa empeza a haber evidencias claras dos efectos que ten sobre a saúde a contaminación química. A edición francesa da revista The Ecologist, no seu número de decembro do 2004, publica unha análise feita por Claude Reiss, biólogo molecular e ex-director do Centro Nacional de Investigacións Científicas de Francia (CNRS), sobre as causas de mortalidade neste país. O estudio amosa un aumento masivo das mortes en Francia por mor de determinados cancros, ate o punto de térense convertido, a finais dos anos 80, na primeira causa de falecemento nas persoas entre 35 e 70 anos. Claude Reiss sinala que máis do 90% dos cancros son debidos a factores exteriores, citando como tales, e entre outros, os que son impostos ao individuo polo seu entorno máis inmediato (alimentos, fogar, lugar de traballo), ou máis periférico, como a polución. Outro estudio médico, feito pola Universidade de Birminghan, relaciona a contaminación atmosférica co incremento de cancros en menores de dezaseis anos.

O modo de producción agraria industrial que pretende consagrar a Constitución Europea ten unha grande responsabilidade nisto xa que, ademais de por ao noso alcance uns alimentos cargados de residuos nocivos, é altamente dependente de industrias químicas que orixinan unha forte contaminación na súa actividade diaria.

Nós entendemos que xa somos demasiado produtivos, e que o que lle corresponde agora á política agraria europea é, xustamente, a potenciación de explotacións de dimensión humana, e asegurar a remuneración correcta do traballo labrego cun xeito de produción respectuoso co medio e coa saúde das persoas.
Hai xa moitos anos que, dende o Sindicato Labrego Galego, vimos afirmando que a política agraria non é un asunto que deba ser abordado unicamente dende unha perspectiva corporativista dos labregos e das labregas, senón que debe ser afrontada dende un punto de vista social porque, como acabamos de ver, aféctanos a todas e a todos. Neste senso, o Sindicato Labrego Galego é fiel, unha vez máis, á súa visión non corporativista do papel da agricultura, polo que fai un chamamento aos labregos, ás labregas, e ao conxunto da cidadanía, para que rexeiten este texto constitucional, porque a saúde e a calidade de vida das persoas é algo que debemos protexer por enriba dos intereses dos grandes negocios agro-químico-farmaceuticos. Non debemos ser cómplices en darlle aval constitucional a un modelo de desenvolvemento que, ademais de hipotecarnos e ameazar ás xeracións futuras, condiciona calquera alternativa de cambio que puideran tomar nesta materia a Comisión ou o Parlamento europeos.
(c)2005 Galiza Nova - Nota legal